Os requisitos mínimos para impartir teleformación en Formación Profesional para o Emprego

Como ser titor-formador en teleformación (Formación Profesional para o Emprego)

Os requisitos mínimos que deben cumprir os formadores na Formación Profesional para o Emprego recóllense no Real Decreto 189/2013, do 15 de marzo, polo que se modifica o Real Decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación.

Para poderen impartir a formación correspondente a cada un dos módulos formativos dos certificados de profesionalidade, os formadores deberán cumprir cos requisitos específicos que se inclúan nel, sirvan como exemplo os establecidos para o SSCE0110 Docencia da Formación para o Emprego. Estes requisitos deben garantir o dominio dos coñecementos e as técnicas relacionadas coa unidade de competencia a que está asociado un determinado módulo formativo, e verificaranse mediante a correspondente acreditación e/ou experiencia profesional nese ámbito. Estes requisitos son comúns para docentes que impartan formación no ámbito presencial é en teleformación.

Os titores-formadores son os especialistas responsables de impartir formación mediante teleformación, pero tamén son os encargados de realizar a orientación, a guía, a avaliación e a dinamización da aprendizaxe do grupo de alumnos/as que teñan ao seu cargo nunha acción formativa baixo esta modalidade. Entón, ademais de cumpriren os requisitos establecidos para a docencia presencial deberán acreditar algunha das seguintes situacións: unha formación de cando menos 30 horas ou experiencia nesta modalidade e na utilización das tecnoloxías da información e comunicación (TIC), tal como se recolle no artigo 13.4 do Real Decreto 34/2008, do 18 de xaneiro.


Con todo, na “Disposición adicional quinta, Acreditación da formación de titores-formadores” da  Resolución do 26 de maio de 2014, do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se regula a acreditación e inscrición de centros e entidades de formación que imparten, na modalidade de teleformación, formación profesional para o emprego no ámbito de xestión do Servizo Público de Emprego Estatal temos unha importante novidade respecto á situación anterior na cal só se podía acreditar a competencia docente como titor-formador a través de experiencia na modalidade ou a través de formación específica.

A acreditación en teleformación

Na actualidade pódese acreditar esta competencia se o formador posúe algún dos seguintes documentos:
  • Certificado de profesionalidade de docencia da formación profesional para o emprego, regulado por Real Decreto 1697/2011, do 18 de novembro, ou acreditación parcial  acumulable correspondente ao módulo formativo MF1444_3 Impartición e titorización de accións formativas para o emprego. Sendo este punto especialmente relevante dado que anteriormente non se recoñecía a competencia docente en teleformación a través desta opción en particular, tendo que cursar a mencionada formación específica.
  • Diploma expedido pola Administración laboral competente que certifique que se superou con avaliación positiva unha formación de, polo menos 30 horas, asociada ao programa formativo neste ámbito que figure no ficheiro de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
  • Diploma que certifique a finalización positiva de formación sobre esta materia, de polo menos 30 horas de duración.

Contidos da formación especializada para titores-formadores

O programa da acción formativa que teña como finalidade acreditar competencia docente no ámbito da teleformación, independentemente de quen programe a formación, debe recoller os seguintes contidos:
  • Características xerais da formación e a aprendizaxe en liña.
  • Funcións, habilidades e competencias do titor-formador.
  • Métodos, estratexias e ferramentas  titoriais. A plataforma de teleformación.
  • Programas e ferramentas informáticas para  titorizar ao alumnado. Comunicación e avaliación en liña. As redes sociais, como elemento de procura de recursos para a aprendizaxe.

Debemos ter en conta, ademais, que moitas accións formativas no ámbito da Formación Profesional para o Emprego na modalidade de teleformación recollen a realización de titorías presenciais. Neste caso non será necesario o cumprimento do requisito de formación ou experiencia en modalidade de teleformación e na utilización de TIC establecida no artigo 13.4 do Real Decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, para a impartición destas titorías.

Para saber máis:

Comentarios

Entradas populares de este blog

Presentación de Cecilia

Reflexionando sobre a orientación laboral, a desigualdade, a brecha salarial, a xustiza social e outr@s vari@s....